Domingo 21 de Outubro de 2018

Internacionalización, infraestruturas e servizos sociais, temas tratados na reunión de Manuel Baltar cos alcaldes da mancomunidade de Verín


Na súa visita á comarca o presidente da Deputación de Ourense realizou un percorrido polo Castelo de Monterrei para avaliar os traballos medioambientais que se están a realizar na zona, e visitou tamén o albergue de peregrinos e o “Muro de Medeiros”, onde se está a executar un proxecto arqueolóxico para a recuperación de murallas, lagares rupestres, petróglifos

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou a comarca de Verín na que desenvolveu unha axenda de traballo centrada en temas medioambientais, de internacionalización, infraestruturas e servizos sociais. O presidente do goberno provincial mantivo un encontro cos alcaldes dos municipios que integran a Mancomunidade de Concellos de Verín, con que analizou aspectos de promoción turística e colaboración co Norte de Portugal, que está levando a cabo a eurocidade Chaves-Verín, e tamén estudou cos rexedores diversas obras e proxectos de mellora das vías provinciais e locais, ademais de avaliar as necesidades que en materia de servizos sociais para maiores e infancia teñen os concellos desta comarca.Baltar destacou a importancia “de seguir fortalecendo a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, da que a provincia de Ourense é o centro xeográfico, pois co labor que realiza a eurocidade Chaves-Verín podemos levar a cabo estratexias locais pensadas en clave de colaboración internacional para que poidan ser aplicadas nos ámbitos provincial e rexional”. A Deputación de Ourense pertence á Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín, o que favorece a cooperación transfronteiriza nos ámbitos da cultura, turismo, patrimonio, saúde, protección civil, aproveitamento do territorio e medio ambiente.Na reunión participaron xunto a Manuel Baltar os alcaldes de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós, xuntanza que tivo lugar no Castelo de Monterrei e onde Manuel Baltar realizou un percorrido pola fortaleza para coñecer in situ os traballos medioambientais que se están a realizar na zona, referidos a limpeza de vías, rozas e recollida de residuos; visitou tamén as obras do albergue –antigo hospital de peregrinos- e comprobou o estado de execución do proxecto arqueolóxico do “Muro de Medeiros”, realizado pola Universidade de Santiago co apoio de Bodegas Martín Codax. Este espazo arqueolóxico que se está a recuperar é unha antiga fortificación de grandes murallas, que conta cun conxunto de lagares rupestres, petróglifos e coas ruínas dunha capela. Trátase dunha fortificación de posible adscrición galaicorromana situada nas proximidades da aldea de Medeiros (Monterrei).

Deja un comentario