Mércores 21 de Agosto de 2019

Miguel Anxo Fernández gaña o XXXV Premio «Blanco Amor» coa novela Blues para Moraima


O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense deu a coñecer o seu ditame, elixindo por maioría a obra do escritor carballiñés de entre 22 novelas presentadas ao premio

O escritor, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) foi o gañador do XXXV Premio de Novela Longa «Eduardo Blanco Amor» coa obra Blues para Moraima. O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense deu a coñecer o seu ditame, elixindo por maioría a obra do escritor carballiñés de entre 22 novelas presentadas ao premio.O galardón, cunha dotación económica de 12.000 euros, foi concedido polo xurado á obra de Miguel Anxo Fernández, destacando da novela Blues para Moraima «a axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector». Asemade, o xurado destaca na acta «o punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora, factor de coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor», e expresa a súa satisfacción polo mantemento deste premio grazas á Deputación de Ourense, «contribuíndo de xeito decisivo á súa consolidación».Na rolda de prensa na que se deu conta do ditame do xurado o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, felicitou a Miguel Anxo Fernández e afirmou que o seu nome «pasa a formar parte do recoñecido elenco de creadores galardoados con este prestixioso premio, un certame que existe grazas á xenerosidade dos concellos galegos que o viñan organizando, labor que agora desenvolve a Deputación de Ourense, pero que segue a ser o premio dos concellos de Galicia».O xurado, que deu a coñecer seu ditame no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» estivo integrado por polo poeta, Luis González Tosar, presidente; a crítica literaria, Ánxela Rodríguez, secretaria; os profesores, Ramón Gutiérrez e Luciano Rodríguez; e a escritora, Inma López, como vogais.A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 1 de decembro no Liceo de Ourense –coincidindo co trinta e sete cabodano do autor da Esmorga-, acto no que o premiado recibirá, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.En 2014, cando se cumpriron trinta e cinco anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, entre outras accións, coa organización deste premio literario e a creación dunha fundación co nome do escritor, para a difusión e valorización da súa obra. Neste sentido, o pleno da Corporación Provincial aprobou onte venres os estatutos que rexerán a Fundación «Eduardo Blanco Amor».Biografía de Miguel Anxo FernándezMiguel Anxo Fernández é mestre, licenciado en Xeografía e Historia. É profesor de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Ademais de dedicarse á docencia é autor de numerosas obras de historia do cine galego e de obras de ficción, así como ensaios e colaboracións en numerosas publicacións. É membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega; coordinador do programa Audiovisual nas Aulas para o Consorcio Audiovisual de Galicia, e membro do xurado do Premio Ourensanía.Entre os premios que ten acadado figuran o 1º Premio ex-aequo no Certame Historia da Galicia Cinematográfica (1993), promovido pola Federación de Cineclubes de Galicia; o premio «Sempre en Galiza» de ensaio, polo libro As imaxes de Carlos Velo (2001); o premio honorífico «Fernando Rey» na V Edición dos Premios AGAPI (2001); o premio «Chano Piñeiro» de Historia da Galicia Cinematográfica polo libro A Bella Otero, pioneira do cine (2002); o premio «Manuel García Barros» (2003) pola novela Un nicho para Marilyn; a IInsignia de Ouro das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, Xociviga (2009), e o Premio «Cultura Galega de Creación Audiovisual» da Xunta de Galicia no 2012, entre outros galardóns.

Deja un comentario