Sábado 18 de Agosto de 2018

A Xunta inicia as obras de construción dunha senda peonil en Faramontaos e as reparacións de beirarrúas na Forxa, na estrada OU-301 ao seu paso polo concello da Porqueira


Esta actuación foi adxudicada á empresa Hordescom, que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros, e ten un prazo de execución de tres meses

A Xunta inicia as obras de execución dunha senda peonil en Faramontaos e as reparacións de beirarrúas na Forxa, na estrada OU-301, ao seu paso polo Concello da Porqueira. Esta actuación foi adxudicada á empresa Hordescom; que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros, e ten un prazo de execución de tres meses.

As accións a levar a cabo en Faramontao son as seguintes, unha senda peonil de 1,8 metros de ancho pola marxe esquerda da estrada, entre o p. q. 10+770 e o 11+020, dende a intersección coa estrada provincial a Faramontaos ata conexión coa beirarrúa existente en Pedrosa.

Terá tipoloxía de gabia transitable para que sirva tanto coma banda para o tráfico de peóns en condicións seguras como de sistema de evacuación das pluviais.Ademais, colocarase un colector de PVC para o transporte das augas de drenaxe.

Por outra parte, na A Forxa, concretamente, entre o p.q.11+975 e o 12+420, substituirase a beirarrúa existente na marxe esquerda entre o p.q.11+975 e o 12+010 e renovarase a loseta da beirarrúa dereita entre o 12+150 e o 12+420.

Na zona do paso de peóns existente no 12+150, fronte á Casa do Concello, ampliarase a beirarrúa para para mellorar a visibilidade dos peóns e eliminarase o aparcamento na marxe dereita, co fin de aumentar a visibilidade do paso.

Este itinerario forma parte das actuacións recollidas no Plan de Sendas de Galicia para a provincia de Ourense. Estas sendas destínanse a peóns ou á circulación de ciclistas, protagonistas da estratexia en materia de Mobilidade Alternativa de Galicia, que permitirá minimizar as repercusións sobre o medio ambiente e os seus impactos sociais e económicos.

Deja un comentario